A segregación horizontal: cando os roles de xénero determinan a elección dos estudos.


As estatísticas sobre o destino do alumnado que finaliza a escolarización obrigatoria mostran que un bo número de mozas e mozos aínda elixe a súa futura carreira condicionado polos estereotipos de xénero, que consideran que mulleres e homes teñen diferente desempeño dependendo dos distintos ámbitos de estudo. Así,mentres algunhas áreas, coma a enxeñería e as ciencias son percibidas coma masculinas, outras, coma as relacionadas coas linguas ou co coidado e a atención ós demais, se consideran femininas e apropiadas para as mulleres. Este sesgo sexista pode determinar as motivacións académicas de mozas e mozos e explicaría a segregación vocacional existente na elección de estudos e carreiras profesionais.

Un estudo da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) pon de manifesto que moitas mozas se consideran menos competentes que os seus compañeiros masculinos en materias vinculadas ós ámbitos científicos e tecnolóxicos a pesar de obter as mesmas ou incluso mellores cualificacións ca eles.

Tendo en conta que son precisamente estas carreiras profesionais as mellor valoradas e retribuidas, resulta evidente a necesidade de facer fronte á segregación horizontal e ó desequilibrio de xénero na elección de disciplinas académicas de homes e mulleres, poñendo en marcha xa dende a escola primaria e secundaria iniciativas que promovan a ruptura cos roles tradicionais de xénero, desterrando falsas crenzas e animando ás mozas a explorar espazos tradicionalmente reservados ós homes.





No hay comentarios:

Publicar un comentario