NEGLIXENCIAS QUE SAEN CARAS

O xoves pasado, Sara, unha nena de 4 anos de Valladolid, falecía vítima de abusos sexuais e dunha vida de maltrato continuado. Se a noticia por se mesma produce horror e repugnancia, a consternación é máxima ó saber que se puido evitar se non fallasen tódolos protocolos debido á incompetencia das administracións.

O 11 de xullo, case un mes antes, un pediatra privado xa dera a voz de alarma sobre a existencia de posible maltrato e abusos sexuais. 22 días despois, o 2 de agosto, a vítima ingresou nas urxencias pediátricas do Hospital Clínico de Valladolid en parada cardiorrespiratoria, onde morrería ó día seguinte. Por que non funcionaron os protocolos? Quizais ante unha situación tan grave non se pode agardar días e días para actuar, a vida dunha nena estaba en perigo! Como podía unha nena de catro anos defenderse ela soa da súa propia nai e da súa parella?



Presuntamente a nai e a súa parella son autores dun delito de maltrato continuado e de abusos sexuais, pero hai máis culpables, acaso as Administracións Públicas non tiñan a obriga de protexer a esa nena actuando dunha maneira máis eficaz? A gravidade dos feitos non pode quedar impune, debemos esixir responsabilidades polo que se pode considerar unha neglixencia por parte das institucións, o sucedido evidencia que o sistema foi incapaz de protexela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario