Apoio a Juana Rivas, "Un maltratador non é un bo pai"

A Asociación Rede de Mulleres contra os malos tratos de Vigo, súmase xunto coa Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega as vindeiras manifestacións que terán lugar en Galicia.

Sobre o caso de Juana Rivas

A nosa compañeira Lola Santana, asesora xurídica da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo, critica nun artigo publicado este luns no Faro de Vigo (páx. 16) os defectos na aplicación da lexislación en violencia de xénero e a lentitude burocrática no caso de Juana Rivas.
No mesmo artigo, desde un despacho de avogados da nosa cidade, opinan que a lei xa prevé mecanismos máis que suficientes para actuar en casos de violencia de xénero e de protección ó menor así como que o feito de ser un maltratador non inhabilita a un señor para coidar dos seus fillos. 
Desgraciadamente, os datos mostran unha realidade ben distinta: estes mecanismos non serviron para salvar as vidas das 27 crianzas asasinadas polos seus pais desde 2013, primeiro ano no que se inclúe aos menores mortos como vítimas de violencia de xénero. Aínda que é certo que o xuíz pode suspender o réxime de visitas ou retirar a patria potestade ó acusado de violencia de xénero, son raras as ocasións nas que se fai. 
Con respecto á capacidade dun agresor para exercer coma pai, non nos cansaremos de repetir: un maltratador non pode ser un bo pai. Dar por feito que o vínculo paternal garante a protección do menor é querer mirar para outro lado. O contacto paterno-filial só se xustifica polo ben superior do menor, non polo ben ou o dereito do proxenitor, ante a dúbida debe prevalecer o interese do menor por enriba de todo. Se non se coñece o ciclo da violencia e como afecta á convivencia dos menores cos maltratadores, é difícil determinar dito interese.
Así están as cousas para as mulleres en España. Porque non nos enganemos, o machismo atópase no centro mesmo desta cuestión, toda a loita deste pai pola custodia das crianzas é coa única intención de seguir facendo dano e sometendo á muller a través da violencia vicaria. Cando a existencia de violencia de xénero non é tomada en conta para conceder custodia ou visita ao proxenitor, a Xustiza deixa nunha situación de indefensión tanto ás mulleres coma ós menores.

A Rede critica a lentitude burocrática


Os "Juan e Juana Rivas" de Vigo


http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2017/09/03/juan-juana-rivas-vigo/1743529.html