COMUNICADO POLO 25 DE NOVEMBRO

MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES Día Internacional contra a Violencia Machista 25 de novembro de 2011 “PARA CAMBIAR O MUNDO, ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA” Dise do Feminismo que é a revolución silenciosa do século XX. Mais non podemos dar a razón a quen afirma que esta é unha revolución sen sangue. Neste novo século, como no anterior, esta revolución segue a engrosar a súa listaxe de mártires. Desde a dereita política, mediática e relixiosa, fálase dunha perda dos valores da familia. E así é. O seu modelo de familia está en crise. Cada dia mais persoas aspiran a modelos de convivencia e afecto, máis democráticos que o seu modelo patriarcal. Cada dia mais mulleres e mais homes aceptan outros valores de convivencia: a igualdade, a corresponsabilidade, a cultura do diálogo, dos acordos... Mais tamén quedan moitos homes, organizacións políticas, relixiosas e sociais, que se resisten ao cambio. A pandemia da resistencia machista mostra repuntes no poder xudicial ( actuacións en Sevilla e Murcia), no poder político (Lei da Familia do Parlamento Galego), nas institucións académicas (teoría do Síndrome da Alienación Parental), nas educativas (louvanzas á segregación por sexos), nas relixiosas (carta pastoral do bispo de Granada)... mentres se vai conformando un cambio político e económico que está levando aparellado unha perda importante de dereitos fundamentais, e un ataque sen precedentes aos servizos públicos, que en moitas ocasións aseguraban o exercicio deses dereitos. Un cambio político cuxos protagonistas aspiran a abolir leis que supuxeron logros importantes na vida de moitas mulleres e homes, a Lei de Igualdade, a Lei Integral contra a Violencia Machista, a Lei do Aborto, as reformas no Código Civil que igualan en dereitos ás persoas sen distinción da súa opción sexual. O sistema económico, que nestes dous últimos anos acelerou a súa voracidade engulindo recursos públicos e impoñendo un modelo social de competitividade, acumulación e usura, impón ao poder político, recortar e abolir todas aquelas políticas de igualdade encamiñadas a previr a violencia machista, á atención ás vítimas e á concienciación da sociedade. Políticas que desde o Feminismo avaliabamos como insuficientes, pero que marcaban o camiño que había que encetar para conseguir arrincar o machismo das nosas vidas. Cada día, diante do asasinato dunha muller a mans do seu ex marido, ou do seu compañeiro, as autoridades condenan os feitos, a veciñanza manifestase rexeitando a agresión e pedindo xustiza, preguntándose por que continua engrosándose esta tráxica lista de mulleres vítimas da violencia machista. Un feminicidio que vai marcando cada dia mais aldeas, vilas e cidades, no mapa dos asasinatos machistas. As mortes por violencia machista, por moi inexplicables que parezan, non son actos illados, fortuítos, senón que obedecen a unha cultura patriarcal no que as mulleres non teñen dereito a decidir sobre a súa vida. Son a reacción violenta de quen se cree posuidor dun ben, dunha propiedade, ou dunha escrava. A solución non é doada e necesita do compromiso de todos e de todas, porque precisa de cambios profundos dado que o machismo está enraizado na nosa sociedade e non estamos facendo o preciso para desbotalo. Ao feminismo non nos asusta continuar coa nosa responsabilidade e activismo na loita contra a violencia machista...non queremos que se volva ao pensamento de que a violencia machista son “os trapos sucios que hai que lavar na casa”. Queremos concienciar sobre as estruturas sociais que alimentan e reproducen o machismo. Queremos deixar claros os vínculos que existen entre a desigualdade e a violencia machista. Queremos facer reaxir á sociedade ante a perda de dereitos e ante o desmantelamento de servizos públicos. EN NOME DE TODAS AS MULLERES ASASINADAS CANDO PRETENDIAN RECONQUISTAR A SÚA PROPIA VIDA E POR TODAS ÁS QUE ESTAMOS A SUFRIR VIOLENCIA NON PODEMOS CONSENTIR NINGÚN PASO ATRAS. 25 DE NOVEMBRO DE 2011 A Marcha Mundial das Mulleres convida a participar nos actos programados en Vigo, polo Día Internacional contra a Violencia Machista baixo o lema: “PARA CAMBIAR O MUNDO, ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA” Vigo Xoves 24 e venres 25 de novembro "Museo interactivo contra a violencia machista". Diante do Marco. 25 de novembro de 2011, venres às 20:00 h. Manifestación desde a Farola de Urzáiz Agradecemos de antemán a difusión da convocatoria. Saúdos feministas!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario