-
O fracaso na aplicación da Lei de Titularidade Compartida, con 2 altas en toda Galiza, ou a reforma das pensións, deixan a miles de labregas indefensas diante da violencia de xénero
- A responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro Santos, abordará esta problemática nun ciclo de charlas que terá lugar o 25 de novembro en Vilalba (Lugo)
Un ano máis vemos como a suma continúa. Dende que comezaron as estatísticas sobre violencia de xénero no ano 2003, e até 2012, foron asasinadas 652 mulleres a man das súas parellas ou ex-parellas sentimentais. Neste 25 de novembro de 2013, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, observamos con gran preocupación o incremento de comportamentos violentos en franxas de idade cada vez máis baixas.
Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, facemos un chamamento ás administracións públicas, e á sociedade no seu conxunto, para rematar coa maior lacra social que temos na actualidade. Cómpre, dunha vez por todas, adoptar as medidas necesarias para atallar este problema, posto que unha sociedade que se di democrática non pode consentir esta situación. Son moitas as campañas e actos que ao redor deste día estamos a ver e escoitar nos medios de comunicación, pero esta loita contra a violencia machista ten que ser continua, xa que é un problema que afecta á sociedade no seu conxunto.
Existen toda unha serie de desigualdades e de violencias consentidas coas que nos afacemos a vivir: na educación, nos medios de comunicación ou nos videoxogos, por citar uns casos, séguense a promover roles completamente diferenciados para mulleres e homes e, decotío, cunha grande carga de violencia na consecución dos resultados.
A falla de dereitos propios e de autonomía económica fai que moitas mulleres tamén sexan moi vulnerables ante as situacións de violencia. Isto agrávase no medio rural para as mulleres que se dedican á profesión agraria. Para a Secretaría das Mulleres do SLG é fundamental que a Lei de Titularidade Compartida non quede só nun texto aprobado e publicado no BOE. Os datos facilitados polo Ministerio de Medio Rural, en setembro de 2013, reflectían que no Estado Español o número de solicitudes de titularidade compartida foi de 52. Na Galiza, as solicitudes limitáronse a 2. Dende a Secretaría das Mulleres do SLG esiximos do Goberno medidas, recursos e un serio compromiso cos dereitos das mulleres labregas, moitas das cales, a día de hoxe, seguen a ser consideradas como “axuda familiar”.
Nesta conxuntura de recortes, de desmantelamento de moitos servizos públicos no rural, asistimos a unha cada vez maior feminización da pobreza. Cando se eliminan recursos, estase a incrementar a precariedade de vida das mulleres. Non queremos deixar de nomear neste día o que para as mulleres labregas supón a reforma da Lei de Pensións. As estadísticas reflicten que moitas labregas non cotizan ou que comezan a facelo a unha idade avanzada.
Dende a Secretaría das Mulleres do SLG pensamos que facer políticas axeitadas para o medio rural e xerar riqueza e emprego debe ser un dos camiños para a solución. Afirmamos que é de xustiza dispor dos recursos axeitados para vivir dignamente, con independencia de que vivamos no medio rural ou nos centros urbanos.
Neste 25 de novembro, a Secretaría das Mulleres do SLG participará, a través da súa coordinadora, María Ferreiro Santos, nun acto na casa de cultura de Vilalba Vilalba ao redor da violencia de xénero. Comezará ás 18:30 e, mentres María Ferreiro Santos falará sobre a violencia de xénero no rural; a xuíza Estela San José Asensio fará outro tanto sobre “A Violencia de xénero e a independencia da muller” (achégase cartaz da convocatoria).
Se desexan máis información, poden contactar coa responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro Santos, no 660 215 346
No hay comentarios:
Publicar un comentario