A Xunta amplía as axudas económicas a vítimas de violencia de xénero previstas para este ano

A PESARES DO INCREMENTO DE CRÉDITO ÉSTE NON CHEGARÁ PARA CUBRIR TODAS AS SOLICITUDES, POLO QUE MOITAS MULLERES CON DEREITO A RECIBILA QUEDARÁN SEN ELA.


Santiago, 6 de novembro de 2013. A edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia publica un incremento de 155.061,33 euros na dotación orzamentaria asinada para a concesión de axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.
Esta ampliación súmase aos 1,8 millóns de euros xa consignados en abril pasado co fin de garantir ás mulleres vítimas deste tipo de violencia unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.
Dado o volume de solicitudes presentadas e o esgotamento do crédito inicialmente previsto, a Xunta decidiu ampliar a partida para atender este colectivo. Deste xeito, e a pesar do contexto económico actual, o Goberno galego reafirma o seu compromiso coas vítimas da violencia de xénero, ás que lle ofrece os recursos necesarios para favorecer a súa saída do ciclo da violencia.
Os requisitos para optar a estas axudas son: ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia, ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude, percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
Ademais, tamén se esixe non ter percibido con anterioridade esta axuda ou a axuda de pago único establecida na Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para mulleres que, debido á súa idade, falta de preparación ou circunstancias sociais, teñan dificultades para obter un emprego e pola dita circunstancia non participen nos programas de emprego establecidos para a súa inserción profesional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario