25 de novembro
Día Internacional contra a violencia machista
Un ano máis, outro 25 de Novembro, Día Internacional contra
a Violencia Machista, a Marcha Mundial das Mulleres estamos na rúa para
denunciar e visibilizar a violencia que se segue a exercer sobre nosoutras polo
único feito de sermos mulleres
Segundo unha enquisa feita no ámbito da Unión Europea
Calcúlase que 13 millóns de mulleres na UE experimentaron
violencia física. Esa cifra equivale a un 7% de mulleres con idades entre 18 a
74 anos.
Calcúlase que 3,7 millóns de mulleres na UE experimentaron
violencia sexual. Esta cifra equivale a un 2% de mulleres con idades de entre
18 e 74 anos. Na UE un 18% das mulleres foron obxecto de acoso a partir dos 15
anos. Estas porcentaxes representan que 9 millóns de mulleres na UE sufriron e
sufrirán violencia machista.
A metade de todas as mulleres da UE (53%) procuran evitar
certos lugares ou situacións, por temor a ser vítimas de agresións físicas ou
sexuais. Pola contra, enquisas recentes sobre vitimización e medo aos delitos
indican que o número de homes que limitan os seus movementos é infinitamente
máis reducido.
As mortes por violencia machista, por moi inexplicables que
parezan, non son actos illados, fortuítos, senón que obedecen a unha cultura
patriarcal no que as mulleres non teñen dereito a decidir sobre a súa vida. Son
a reacción violenta de quen se cree posuidor dun ben, dunha propiedade, ou
dunha escrava.
A solución non é doada e necesita do compromiso de todas e
de todos, porque precisa de cambios profundos dado que o machismo está inzado
na nosa sociedade e non estamos facendo o preciso para desbotalo. IMPLÍCATE,
RACHA COA INDIFERENZA!!!
Se os homes maltratadores enfrontáranse cun contundente
rexeitamento social, especialmente por parte do resto dos homes, a violencia
machista reduciríase moi considerablemente. A violencia existente no seo da
sociedade, non é máis que a suma das violencias individuais de cada un dos seus
membros; a que xera cada unha das persoas que a compoñen e a que é capaz de
tolerar e asimilar. Cada xesto, actitude ou comentario pexorativo e
discriminatorio contra as mulleres, aumenta a permisividade e abre o camiño
cara á violencia contra as mulleres.
Se queremos avanzar como sociedade, non podemos permitir
retrocesos en materia de prevención, denuncia e tratamento da violencia contra
as mulleres. Por iso, instamos igualmente aos Poderes Públicos, medios de
comunicación, sistema educativo e a toda a cidadanía a continuar coa loita e
denuncia desta forma a violencia que ataca a metade da humanidade, as mulleres.
Machismo, Sociedade Patriarcal e Cultura da Violación...
onde? Aquí, ao noso carón día a día. Esaxeramos?. Non, non esaxeramos!!! A
violación silénciase, cálase. E hai veces, que os silencios, matan.
Pedimos a implicación de todos os sectores sociais, pedimos
a implicación de todas as mulleres e homes. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!
É por todo isto que a Marcha Mundial das Mulleres vos insta
IMPLICATE CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA.
No hay comentarios:
Publicar un comentario