Presentamos as alegacións realizadas pola Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo polo sucedido o 9 de novembro de 2019 no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo e que presentamos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o xuíz decano, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Valedor do Pobo e Axencia Española de Protección de Datos.
ALEGACIÓNS
Primeira.- O pasado sábado 9 de novembro de 2019 ás 04:30 am, un home de 37 anos entrou na sede dos Xulgados de Vigo sita na R/Lalín e valéndose tan só dunha pedra, conseguiu acceder ao edificio e chegar á carta planta onde se atopa o Xulgado de Violencia sobre a Muller Nº1 de Vigo. Unha vez alí, esnaquizou o mobiliario e os aparatos electrónicos da estancia principal e do despacho da Fiscalía así como numerosa documentación sensible dos procesos que alí se coñecen. De momento non se sabe o alcance dos danos e se chegou a levarse algunha documentación (Achégase como documento nº 1 fotos recompiladas dos medios de comunicación que mostran os danos sufridos).
Segundo.- A Policía decatouse do sucedido polo propio aviso do autor que chamou unha vez cometidos os feitos, cando chegaron á sede xudicial non atoparon ao home que despois volveu a chamalos para entregarse desde unha cafetería da Avda. Florida. A alarma non sonou.
Terceiro.- Nas fotos achegadas obsérvase unha considerable cantidade de expedientes tirados polo chan, por todos/as é coñecido a numerosa documentación que se atopa a plena vista nas mesas dos xulgados sen protección e que alí queda unha vez marcha o funcionarado sen tomar as medidas axeitadas de custodia de tales datos persoais. Temos que ter en conta que os datos persoais manexados nos xulgados, aínda máis nos especializados en violencia, son especialmente sensibles dado o seu contido e o risco que pode implicar, para as vítimas e as súas crianzas, que terceiras persoas ou o vitimario teñan acceso a eles; ademais de constituír unha vulneración dos dereitos fundamentais recollidos constitucionalmente.
Atopámonos por tanto, ante unha brecha de seguridade na protección de datos de carácter persoal ao incumprirse as obrigas legais establecidas polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016 relativo a protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e a libre circulación destes datos e a LO 3/2018 de 6 de decembro de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais. Estas medidas de protección esixidas para o tratamento de datos persoais endurécense ante datos especialmente protexidos, que son os que nos ocupan, e teñen que ser proporcionais as necesidades de salvagarda dos mesmos, como por exemplo que estean gardados en armarios ignífugos, gardados baixo chave e nunha sala protexida tamén baixo chave. Queda constatado que tales medidas non se estaban a levar a cabo con tódolos documentos que alí se manexan pudendo un terceiro alleo acceder a esta información de forma tan sinxela.
Cuarta.- Por outra banda púidose producir tamén unha perda de datos persoais, e o que é máis, de probas documentais dada a natureza dos temas que aquí se procesan; non só en papel senón tamén en soporte dixital ao danar os equipos no caso de non cumprir coas esixencias de copias de seguridade e servidores establecidos pola normativa de protección de datos vixente. Isto pode levar a una vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva do artigo 24 CE e de aportación de tódolos medios de proba con que se conte ademais de implicar dilacións nos procesos nos que haxa que repetir a proba se fose posible.
Quinto.- Non podemos comprender como foi tan sinxelo para unha persoa, valéndose tan só dunha lastra, poder entrar ao edificio dos xulgados, chegar á carta planta, que lle dera tempo a esnaquizar un xulgado e ter acceso a datos persoais, marchar de alí e ser el mesmo o que avisase á policía do sucedido. Independentemente da responsabilidade do autor, o xulgado tamén ten responsabilidade por non ter adoptadas tódalas medidas de protección necesarias para o tratamento deste tipo de datos persoais, como alarma, ter os expedientes gardados en armarios ou as portas de acceso pechadas con chave.
Polo exposto, manifestamos a nosa gran preocupación ante esta brecha de seguridade non só pola vulneración dos dereitos das persoas titulares dos datos senón pola propia seguridade das vítimas e das súas crianzas xa que un alleo tivo acceso aos seus datos de forma tan sinxela e non sabemos o alcance dos seus actos ou se chegou a perder probas necesarias para os procedementos que alí teñen abertos.
Asimesmo, as medidas propostas de barrotes na porta e botóns de auxilio nas mesas as consideramos axeitadas pero insuficentes xa que non se atallarían as necesidades de tratamento de datos de carácter persoal esixidas pola normativa vixente.
Solicitamos que se realice unha avaliación do impacto desta brecha de seguridade e que se leven a cabo, de forma efectiva, as medidas de tratamento esixidas pola normativa vixente en materia de protección de datos.
En Vigo, a 11 de novembro de 2019
Asociación Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo
R/Oliva 12, CP 36202 Vigo
986222328 – 670453431
redemediadorasvigo@hotmail.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario