http://www.lavanguardia.com/sucesos/20140630/54411427952/localizado-agresor-sexual-intentar-contactar-victima-red-social.html
Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.(DOG nº 6 do 10/01/2014)
O Centro configúrase coma unha unidade adscrita á Secretaría Xeral da Igualdade con competencias en materia de atención integral ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas delas dependentes, especialmente aos seus fillos e fillas menores.
Finalidade
O Centro de Recuperación Integral ten por finalidade desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico, que permita evitar duplicidades e racionalizar a xestión.
Actuará como centro de referencia e coordinador da rede galega de acollemento; como centro tramitador das derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e receptor das que cheguen á nosa comunidade derivadas desde outras partes do Estado; como centro de formación na loita contra a violencia de xénero, tanto para profesionais, como para o voluntariado e a cidadanía en xeral; como centro colaborador co Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia; e como centro impulsor da creación de grupos de autoaxuda, intervención e coñecemento entre mulleres que teñan sufrido, vivido e superado situacións de violencia de xénero.
A actuación do centro rexerase polos principios de voluntariedade, confidencialidade e non interferencia.
Estrutura
O Centro estará integrado por un equipo multidisciplinar e especializado, conformado por unha estrutura básica para dar cobertura á asistencia integral que as vítimas de violencia de xénero demandan nas diferentes áreas de intervención, psicolóxica, xurídica e social. Este equipo multidisciplinar actuará baixo a dependencia da directora do centro.
Persoas usuarias
- Mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan acreditada tal situación nos termos establecidos no artigo 5 da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
- Persoas dependentes ou ao cargo destas mulleres, facendo unha especial mención ás súas fillas e fillos menores de idade.
Acceso
1. Mediante procedementos protocolizados de derivación a través de:
- Centros que compoñen a rede galega de información ás mulleres.
- Centros da rede galega de acollemento.
- Servizos sociais comunitarios e especializados da nosa comunidade autónoma.
- Centros de servizos sociais das diferentes comunidades autónomas.
2. Con carácter excepcional, por petición da muller vítima de violencia de xénero ou das súas fillas e fillos.