Ela mesma
recoñece que empregou unha navalla de 5 cm. e que o lesionou, sabe o que fixo
pero nunca tivo intención de asasinalo. Como di a propia sentenza, Noemí chamou
de inmediato á familia da ex parella e foi avisado o servizo de urxencias. Non
o volveu a atacar nin lle impediu que saíra da casa.
O que debemos
plantexarnos toda a sociedade e as institucións é: que levou a esta muller a
facelo? Sería o maltrato sufrido durante toda a súa vida? A relación tóxica á
que ningún dos dous puido poñerlle fin? E, sobre todo, podería terse evitado
esta situación?
Seguimos a sufrir un dobre baremo: no caso de Noemí, a súa ex parella é
culpable dun delito de lesións sobre a muller polo que se lle condenou a sete meses
de cárcere que non cumprirá , ela en cambio foi condenada a tres anos e medio
de cárcere por un delito de lesións con instrumento perigoso, algo totalmente
desproporcionado se temos en conta o pouco que lle custa aos maltratadores
atacar a unha muller, quebrantar unha orde de afastamento ou acabar coa súa
vida ou coa das súas crianzas.
Noemí non só foi vítima de violencia de xénero, senón que agora está tamén
a sufrir a violencia institucional. É vítima dunha xustiza inxusta, como é
posible que dez anos despois dos feitos teña que entrar no cárcere? Dez anos
nos que conseguiu saír desa relación destrutiva, recompoñer a súa vida cun
traballo estable e quedar totalmente reintegrada na sociedade. De que serve
agora que cumpra catro anos de cárcere? Aínda que cometeu un delito, o noso
sistema non busca vinganza senón rehabilitar ás persoas e Noemí xa está
totalmente rehabilitada.
Isto non é unha xustiza efectiva nin
para a vítima nin para o culpable. Mesmo a sentenza recoñece unha dilación
indebida e inxustificable neste proceso, que traerá consigo ca vida desta
muller nunca volva a ser normal e todo o traballo terapéutico levado a cabo
durante estes anos quedará en nada, como afirman os informes dos seus
psiquiatras.
Na Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo coñecemos de
primeira man as dificultades que
soportou, levamos anos apoiándoa e por iso reclamamos o Indulto e a
suspensión da pena de Noemí, é un castigo desproporcionado tras dez anos de
xuízo. Convocaremos a vindeira semana unha rolda de prensa para denunciar esta
senrazón.
INDULTO E
PARALIZACIÓN DA ORDE DE INGRESO EN PRISIÓN DE NOEMÍ OTERO