O pasado día 25 de
xullo en Beniel (Murcia) un home, con antecedentes por violencia de xénero e
que quebrantara fai só un mes unha orde de afastamento contra a súa ex-parella,
aproveitou o réxime de visitas para asasinar
ao fillo que tiñan en común, para despois suicidarse. As alarmas saltaron
cando a nai chamou a policía xa que o proxenitor non entregara ao neno, cando
os axentes entraron no domicilio atoparon o corpo do menor e ao home aforcado
noutra habitación. Cal foi a súa motivación? Exercer o maior dano posible a súa
nai, arrebatándolle ao seu único fillo, vítimas ambas da violencia machista.
A familia do
presunto parricida xa afirmara que tiña tendencias suicidas, pero non só iso,
tiña antecedentes por violencia machista e quebrantara a orde de afastamento.
Preguntámonos, ata cando? Cando este sistema de xustiza inxusta vai entender
que un maltratador non pode ser un bo pai? A
cantas crianzas se lles está poñendo en risco tódolos días ao deixalos quedar
cos seus pais maltratadores sen ningún tipo de medida de seguridade?
No que levamos de
2019 tres menores morreron por culpa da violencia de xénero, dous deles a mans
do seus pais. Segundo datos oficiais do Observatorio de Violencia de xénero 26
son os menores asasinados pola violencia de xénero. As crianzas son as vítimas máis invisibilizadas desta violencia e as
máis desprotexidas, a pesar de que a nosa lexislación diga que os e as
menores que presencian a violencia que sofren as súas nais tamén son vítimas de
violencia de xénero non son protexidas axeitadamente. Cando se decreta unha
orde de afastamento para protexer ás mulleres poucas veces esténdese ás crianzas, vítimas tamén, senón
que ademais teñen que seguir un réxime de visitas co maltratador, na maioría
dos casos obrigados, polo que a violencia non cesa e ademais son usados como ferramenta para seguir exercendo
violencia contra a súa nai. As crianzas non son escoitadas nin tidas en conta cando
din que teñen medo e non quere ir cos seus pais, e as súas nais son
cuestionadas e acusadas de manipuladoras.
47
Esta situación
incumpre claramente os dereitos humanos dos e das menores. Non podemos seguir
permitindo que primen máis os dereitos dos maltratadores que a protección das
crianzas. Tanto as normas estatais como as internacionais establecen coma un
dos seus valores fundamentais o Interese Superior do/a Menor, como imos garantir os seus dereitos se lles
está expoñendo de cotío a graves traumas psicolóxicos e físicos ao seren
obrigados a ver aos seus pais maltratadores?
Dende a Rede de
Mulleres seguimos reiterando que un maltratador non pode ser un bo pai.
Esiximos que se protexa ás crianzas dos seus agresores con medidas que xa temos,
como a suspensión das visitas ou a
retirada da garda e custodia e patria potestade, e a implantación doutras nas
que o principal sexa garantir o dereito a vivir en paz das crianzas e as súas
nais.