Un home asasina á súa filla de dous anos en Alzira.

http://www.farodevigo.es/sucesos/2017/11/12/hombre-asesina-hija-anos-e/1784677.html

Este domingo pola tarde na localidade valenciana de Alzira, un home degolou á súa filla de dous anos mentres a nai da pequena estaba fora  traballando. O detonante puido ser unha discusión na que ela lle anunciou a súa intención de pedir o divorcio e denuncialo por malos tratos.
No que vai de ano, nove crianzas foron asasinadas polos seus pais ou polas parellas ou ex parellas das súas nais como forma de vinganza cara a estas.  Nove exemplos de  violencia vicaria, unha forma  de seguir maltratando ás mulleres a través das crianzas. Unha violencia que pretende facer o maior dano posible e que permanece, pese a todo ,invisible. É a cifra máis alta de menores vítimas de violencia de xénero desde que se rexistran estes crimes.
Desde a Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo vimos denunciando  fai tempo que no noso país a violencia contra a infancia permanece como unha realidade oculta. Non existen datos oficiais sobre cantos menores conviven coa violencia machista, desgraciadamente só percibimos esta lacra cando son asasinados e pasan a incrementar as estatísticas oficiais do ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. España carece dunha abordaxe integral de loita contra todas as formas de violencia contra a infancia, o que resta eficacia ás distintas medidas tomadas de forma illada.

Un maltratador nunca pode ser un bo pai.