Apoio a Juana Rivas, "Un maltratador non é un bo pai"

A Asociación Rede de Mulleres contra os malos tratos de Vigo, súmase xunto coa Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega as vindeiras manifestacións que terán lugar en Galicia.

Sobre o caso de Juana Rivas

A nosa compañeira Lola Santana, asesora xurídica da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo, critica nun artigo publicado este luns no Faro de Vigo (páx. 16) os defectos na aplicación da lexislación en violencia de xénero e a lentitude burocrática no caso de Juana Rivas.
No mesmo artigo, desde un despacho de avogados da nosa cidade, opinan que a lei xa prevé mecanismos máis que suficientes para actuar en casos de violencia de xénero e de protección ó menor así como que o feito de ser un maltratador non inhabilita a un señor para coidar dos seus fillos. 
Desgraciadamente, os datos mostran unha realidade ben distinta: estes mecanismos non serviron para salvar as vidas das 27 crianzas asasinadas polos seus pais desde 2013, primeiro ano no que se inclúe aos menores mortos como vítimas de violencia de xénero. Aínda que é certo que o xuíz pode suspender o réxime de visitas ou retirar a patria potestade ó acusado de violencia de xénero, son raras as ocasións nas que se fai. 
Con respecto á capacidade dun agresor para exercer coma pai, non nos cansaremos de repetir: un maltratador non pode ser un bo pai. Dar por feito que o vínculo paternal garante a protección do menor é querer mirar para outro lado. O contacto paterno-filial só se xustifica polo ben superior do menor, non polo ben ou o dereito do proxenitor, ante a dúbida debe prevalecer o interese do menor por enriba de todo. Se non se coñece o ciclo da violencia e como afecta á convivencia dos menores cos maltratadores, é difícil determinar dito interese.
Así están as cousas para as mulleres en España. Porque non nos enganemos, o machismo atópase no centro mesmo desta cuestión, toda a loita deste pai pola custodia das crianzas é coa única intención de seguir facendo dano e sometendo á muller a través da violencia vicaria. Cando a existencia de violencia de xénero non é tomada en conta para conceder custodia ou visita ao proxenitor, a Xustiza deixa nunha situación de indefensión tanto ás mulleres coma ós menores.

A Rede critica a lentitude burocrática


Os "Juan e Juana Rivas" de Vigo


http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2017/09/03/juan-juana-rivas-vigo/1743529.html

Deficiencias nos xulgados de violencia de Vigo

http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2017/09/01/pelea-evidencia-necesidad-salas-espera/1742367.html

Este non é un caso illado xa que non é a primeira vez que se rexistran feitos similares. Dende a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos levamos anos denunciando este tipo de carencias dos Xulgados de Violencia. Non existe un lugar específico para os acompañantes das vítimas, polo que as liortas entre eles son habituais.
Por outra banda, no caso de que o agresor non estea detido, tanto el como a vítima poden coincidir na entrada do propio xulgado, ascensores e outros espazos comúns fora das salas. Sirva coma exemplo o tema dos baños: o único baño que hai na planta está pechado xa que é de uso exclusivo para os funcionarios; isto supón que moitas veces as mulleres teñen que ir á planta baixa correndo o risco de atoparse co seu agresor ou cos seus acompañantes, e de ser ameazadas ou intimidadas ata o punto de decidir non entrar a testificar.
Agardamos que estas deficiencias se teñan en conta para a distribución dos espazos no interior da futura sede xudicial que se situará no antigo hospital Xeral. Consideramos de vital importancia que o novo deseño cubra as carencias do actual, destinando a planta baixa para os casos de violencia de xénero e habilitando zonas ben diferenciadas nas que non poidan coincidir agresor e vítima