Sen tempo apenas para
recuperarnos do horror polos asasinatos de dúas mulleres e dúas crianzas en
apenas nove horas o pasado martes, hoxe, a violencia machista acabou coa vida
doutra muller en Málaga.
É o tráxico balance
dunha semana negra que deixa un cómputo xeral de 78 vítimas mortais, 68
mulleres e 10 menores no que levamos de ano, máis de mil asasinatos desde que en
2003 se empezaron a contabilizar as vítimas da violencia de xénero, aínda que
sabemos que estes datos non representan a totalidade de mulleres e crianzas que
viron truncadas as súas vidas por culpa destes energúmenos.
Estamos fartas! Cansas
de repetir ata a saciedade que un maltratador non é un bo pai: 10 menores
mortos este ano a mans dos seus pais co único obxectivo de danar á nai...
Ata cando se vai
permitir que continúen estas atrocidades sen que ninguén se faga responsable?
Canto máis temos que esperar ata que se fagan efectivas as medidas acordadas no
Pacto de Estado? Non hai escusa posible que xustifique a pasividade que as
institucións políticas e gobernamentais están demostrando ante esta barbarie.