A Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de
Vigo quere manifestar o seu interese nesta iniciativa.
A coordinación da parentalidade articúlase como un recurso de auxilio xudicial nos casos de alta
conflitividade entre os proxenitores separados, axudando a que se poñan de
acordo no exercicio da patria potestade e demais cuestións derivadas da crianza
conxunta dos seus fillos e fillas. A coordinación de parentalidade ten moitas
semellanzas coa mediación familiar, servizo xa instaurado no xulgado de Vigo,
coa diferenza de que esta figura de nova creación poderá ser imposta pola xuíza
ou xuíz e deberá informarlle dos resultados da súa intervención, chegando a exercer certo poder disuasorio nos
proxenitores e tomar decisións en caso de que persista o desacordo.
A figura do coordinador/a de parentalidade viuse introducindo recentemente
nos xulgados españois a través de proxectos pilotos en Cataluña e Valencia,
manifestando melloras na resolución deste tipo de conflitos e unha diminución
da litixiosidade. Porén, debido ao carácter experimental desta implantación
aínda non podemos coñecer en termos absolutos a súa efectividade.
Dende a Rede de Mulleres,
despois de analizar os proxectos pilotos noutros xulgados do Estado, a proposta
presentado polo xuíz decano ante o Tribunal Superior de Xustiza e as
iniciativas das últimas xornadas de xuíces e xuízas decanas, observamos certas
cuestións que deberían concretarse antes de proceder á implantación deste novo
servizo.
- Formación da persoa
coordinadora de parentalidade: terá que ser unha profesional da saúde
mental ou do eido xurídico, como psicólogos, avogadas ou mediadores expertos en
familia, todos eles con formación en comunicación e xestión de conflitos.
Consideramos que é un punto crucial que se estableza como requisito a formación en igualdade e en violencia,
así como garantir a formación continua deste persoal. Sen unha formación
continua e axeitada, non só para estes coordinadores/as senón para todo o persoal de Xustiza, non se
pode asegurar a detección primaria de casos de violencia de xénero ou doméstica
nin a procura da corresponsabilidade na crianza.
O xuíz decano propuxo empregar para este servizo aos psicólogos/as
da Xunta asignados aos xulgados ou ao persoal do gabinete psicosocial.
Consideramos que esta non é a forma máis axeitada para cubrir o posto, no
primeiro caso non habería persoal suficiente para atender este novo servizo;
tampouco sería idóneo empregar o persoal do Imelga xa que se romperían os principios de
neutralidade e confidencialidade: as mesmas persoas que fan un informe pericial
vinculante nos procesos de custodia non poderían ao mesmo tempo darlle pautas de
convivencia e estruturas que faciliten a paz familiar, estaríase a romper a
independencia necesaria entre os peritos e os xuíces. Outra das razóns para o
rexeitamento desta proposta derivase de varias queixas recibidas polo trato
inadecuado a vítimas de violencia de xénero e as súas crianzas por parte do
Instituto de Medicina Legal de Galicia.
- Determinar os casos nos
que sería aplicable a COPAR e as súas funcións: fálase de que esta nova
figura de auxilio xudicial sería adoptada nos casos de “grave conflitividade”.
Compre establecer con maior claridade os casos nos que debe impoñerse senón
aceptan usalo os proxenitores de mutuo acordo.
A función principal do coordinador de parentalidade deberá ser velar polo ben superior das crianzas e
seu dereito a formar parte da toma decisións que lles atinxen, por iso mesmo
deberán ser escoitados garantindo que se faga da forma máis axeitada para a súa
idade e madurez, sen que supoña unha
experiencia traumática para eles.
- Inaplicable ante
existencia de indicios de violencia no eido familiar: establecer a súa
total incompatibilidade nos casos que haxa evidencia de violencia de xénero ou
doméstica sen que sexa obrigatoria a existencia de denuncia ou condena previa.
Se iniciada a intervención da persoa coordinadora, esta detecta a posible
existencia de maltrato deberá comunicarllo inmediatamente ao xuíz ou xuíza para
así derivalo ao tribunal competente. É importante salientar neste punto que en
gran cantidade de casos as vítimas non son conscientes do maltrato que están a
sufrir ou non sen sentiron capaces de denuncialo. Ademais disto, compre ter en
conta os numerosos casos de violencia
vicaria que se producen despois dunha separación, é dicir, a violencia
dirixida ás mulleres empregando ás súas crianzas.
-Idoneidade da figura do
COPAR: esta figura só poderá ser viable cando a crianza dos fillos e fillas
sexa exercida por ámbolos dous proxenitores. O poder xudicial non poderá
establecer nunca un mecanismo que obrigue a un proxenitor/a a que participe
activamente en dita crianza sen que os nenos e nenas sufran. Sen unha crianza responsable non se
reducirá a saturación dos xulgados por moitas figuras novas que sexan implantadas.
Ademais, hai cuestións sobre a crianza que non podemos dirimir empregando o ordenamento xurídico, senón que
deben ser froito dunha educación na corresponsabilidade e na igualdade.
En conclusión, a figura da persoa coordinadora de parentalidade
podería ser un bo mecanismo de resolución de conflitos interfamiliares xa que
lle dá máis información ao xuíz ou xuíza para a toma de decisións, velando
polos intereses das crianzas. Sen embargo, esta
figura non poderá ser xamais empregada cando non exista
unha crianza conxunta dos menores e en ningún caso ante a existencia de
violencia no eido familiar. A crianza responsable e conxunta por parte dos
dous proxenitores a partes iguais non nace da decisión dos tribunais senón dun
cambio da sociedade a través da educación na igualdade, no respecto e na
interese superior dos menores.