Turquía quítalle ás mulleres e aos pobos os dereitos que gañaran con esforzo


Represión xeneralizada de todas as disidencias
Logo do falido intento de golpe de estado do 15 de xullo de 2016, en Turquía estase sufrindo unha represión xeneralizada. A purga posterior ao golpe prodúcese nun momento en que o ataque de Turquía contra as liberdades de expresión, de asociación e de asemblea xa estaban en marcha.
Pecháronse medios de comunicación e casas editoriais, incluíndo a primeira axencia de noticias sobre mulleres e dirixida por mulleres, JINHA, con moitas canles de televisión, estacións de radio e xornais. Dende o falido intento de golpe de estado de xullo pecháronse máis de 160 medios de comunicación e máis de 130 xornalistas están na actualidade en prisión preventiva.
A detención, nos últimos días, de 12 deputad@s do HDP (Partido Democrático dos Pobos), da esquerda kurda, amosa a recente intensificación da masacre de disidentes no medio do estado de excepción turco.
Detención de alcaldes e alcaldesas kurdas, substituídos por administradores non electos
O 11 de setembro, arrestaron 37 alcaldes de municipios kurdos e designáronse administradores non electos en 35 municipios. O primeiro que fixeron os administradores nestes municipios foi pechar os departamentos policiais de mulleres e os centros de mulleres. Os xefes dos departamentos de mulleres estiveron baixo custodia durante 26 días e interrogáronos sobre actividades de igualdade de xénero.
Purga dos servizos públicos de sanidade e educación
As purgas que comezaron primeiro cos medios de comunicación, xornalistas e académicos estendéronse aos funcionarios públicos que traballan principalmente nos servizos de educación e sanidade.
Máis de 100.000 traballadores dos servizos públicos foron despedidos ou suspendidos, principalmente nos departamentos de sanidade, educación e xustiza. Os traballadores rasos están sendo sancionados simplemente en base a súa orixe étnica e ás súas opinións políticas. Estase destruíndo o sustento de centos de milleiros de traballadores e das súas familias sen ningunha proba.
Esta purga masiva no sector público ten un impacto directo na vida das mulleres de dúas maneiras:
1.     As mulleres vense afectadas de forma directa polos despedimentos e suspensións, xa que traballan principalmente nos sectores de sanidade e educación, onde se están facendo purgas agora.
2.     As mulleres vense afectadas de forma indirecta, xa que fan uso das prestacións dos servizos que prestan os traballadores de sanidade e de educación.
Suspensión arbitraria das actividades das ONG
O 11 de novembro, o Ministerio do Interior anunciou a suspensión de 370 actividades de varias ONG en 39 provincias, de acordo coa Lei de estado de emerxencia. Dende o anuncio, pecháronse sen previo aviso as oficinas das asociacións de mulleres, que loitan contra todo tipo de violencia contra as mulleres e contra os matrimonios infantís.
Pecháronse as oficinas da Asociación de Avogados Progresistas (ÇHD) e da Asociación de Avogados pola Liberdade (ÖHD), que representan as vítimas da tortura e da discriminación. Ao mesmo tempo, a tortura e os malos tratos nas prisións intensifícase.
As mulleres e as súas organizacións son o principal obxectivo
Entre as ONG pechadas atópanse o KJA (Congreso de Mulleres Libres) e a Rainbow Women’s Association, grupos que participan activamente na MMM. VAKAD (Van Women’s Association), Selis Women’s Association, Mu? Women’s Roof, Bursa Panay?r Women’s Solidarity Association, Ad?yaman Women’s Life Association e Ceren Women’s Associations son organizacións feministas coñecidas e comprometidas coa loita contra a discriminación de xénero e contra a violencia sexual.
A suspensión das actividades das organizacións de mulleres é un ataque directo ás loitas das mulleres contra a violencia e amosa a vontade de destruír a organización do poder das mulleres./p>
Todas estas suspensións arbitrarias violan os dereitos á liberdade de expresión e de asociación, garantidos polas convencións internacionais ratificadas por Turquía. O estado de emerxencia anula as obrigas de Turquía con respecto ao dereito internacional e anula a liberdade e os dereitos que as mulleres obtiveron a través de duras loitas.
Como MMM facemos un chamamento a todas as mulleres para que amosen a maior solidariedade e sororidade posible, contra este réxime turco masculino, coercitivo, opresivo e horrible.
Pedímoslle ás mulleres da MMM que se mobilicen para:
·         Organizar mulleres e homes nas súas organizacións e coordinadoras locais.
·         Activar grupos de presión internacionais a través de instrumentos internacionais como Mulleres da ONU, o Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW), o Lobby Europeo de Mulleres etc., así como os nosos movementos aliados e centros sindicais.
·         Organizar delegacións internacionais para visitar mulleres presas e organizacións de mulleres pechadas de forma ilegal.
·         Organizar calquera acción de rúa ou virtual empregando todas as ferramentas de comunicación dispoñibles.
·         Inventar calquera acción posible para visibilizar a inxustiza e as accións criminais do goberno turco, así como a ameaza do desenvolvemento da extrema dereita en Europa.
·         Amosar as resistencias e alternativas que as mulleres kurdas e turcas están organizando.
·         Facer presión nos nosos propios gobernos en Europa para que actúen política e economicamente contra as políticas de Erdogan.
Apelamos ao goberno turco a que:
·         Libere e reincorpore os alcades electos de forma democrática e a todos os presos políticos detidos de forma ilegal debido ás súas opinións.
·         Levante as suspensións arbitrarias impostas ás actividades das ONG.
·         Respecte os valores democráticos e a liberdade sindical establecidos nos convenios da OIT, así como noutras cartas europeas e internacionais.
·         Respecte e protexa os dereitos e liberdades, e poña fin de forma inmediata ao estado de emerxencia e aos decretos executivos empregados como ferramenta de represión dos movementos.
Facemos un chamamento urxente á vosa solidariedade!
Seguiremos marchando ata que todas as mulleres sexamos libres!

-- 
'As mulleres decidimos'
Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres

No hay comentarios:

Publicar un comentario