Xornadas "A autoorganización como resposta á violencia de xénero"



















INFORMACIÓN DOS COLECTIVOS PARTICIPANTES

- ASOCIACIÓN ARELAS: Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia.
Asociación formada por familias de menores e adolescentes transexuais. Entenden que as crianzas xa dende ben pequenas observan, que por encima de todo, as equivocadas son elas e que polo tanto deben axustarse ao que a sociedade entende por “normal”. Dende a asociación de familias de menores trans*, traballan e promoven a defensa dos seus dereitos en todos os ámbitos da vida: educativo, sanitario, xudicial, cultural, deportivo e social.


- COLECTIVO ESCULCA: Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades.  
EsCULcA é un Observatorio de ámbito galego que traballa na defensa dos dereitos e liberdades públicas garantidos na Constitución e nos Tratados Internacionais. Consideran que unha das tarefas urxentes que debe abordar a sociedade civil é a restauración inmediata das garantías eliminadas nos últimos anos e a adopción de cantas medidas foran precisas para garantir o exercicio de dereitos básicos como os de expresión, reunión e manifestación, o dereito a non ser obxecto de tortura, o dereito a asilo, o dereito á saúde ou o dereito a un tratamento adecuado das persoas menores de idade con responsabilidades penais.
  
- ASOCIACIÓN FARAXA.
FARAXA é unha organización non gobernamental sen ánimo de lucro, de acción social e independente (sen adscrición a ningunha formación política, relixiosa, grupo financeiro ou mediático, etc.). Está especializada no traballo con persoas en prostitución e vítimas de trata sexual.
  


-  CURUXA FEMINISTA. 
Colectivo feminista non mixto de estudantes galegas.

Nace ante a necesidade de combater o sistema patriarcal dende a organización autónoma das mulleres, dende a cal enfrontarse colectivamente ás problemáticas derivadas deste. Queren socializar o feminismo nos centros de ensino tanto a nivel teórico como práctico, espallando a sororidade e o apoio mutuo entre compañeiras.


XORNALISTAS GALEGAS.
Rede creada para aplicar a perspectiva de xénero ao xornalismo. Este movemento está formado por unhas duascentas profesionais de diferentes medios e distintas profesións que se uniron a raíz do 8M no grupo As Xornalistas Paramos.


- AFROGALEGAS.

O colectivo Afrogalegas foi impulsado por un grupo de mulleres galegas afrodescendentes, cansas de soportar os microracismos cotiás. Entenden a afrodescendencia coma un termo que engloba diferentes enfoques ou identidades que teñen a súa orixe común na tradición africana e nas herdanzas ou ascendencia que cada unha recibimos das nosas antepasadas.


OBRADOIROS

1.- “DESCUBRINDO O PODER DA RISA”. BAIA FERNÁNDEZ DE LA TORRE. 

Nos tempos que vivimos cada vez son máis as persoas que padecen enfermidades relacionadas co estrés, por iso considérase moi importante coñecer ferramentas que nos axuden a contrarrestar os seus efectos ou incluso os fagan desaparecer. Recuperar a alegría de vivir e beneficiarnos do impacto que isto ten sobre a nosa saúde e calidade de vida.



2.—“MULLERES NAS FRONTEIRAS”. “RAIAS TRAVESEIRAS”. EVA GIL E MARI FIDALGO.

As fronteiras son na actualidade un espazo máis de violencia contra as mulleres e outras identidades nas marxes, alén dun negocio suculento para grandes empresas.

Reflexionaremos sobre o que sucede nos espazos fronteirizos, tanto exteriores e interiores, e reflexionar sobre as relacións entre feminismos e migracións. O noso obxectivo é contribuir a fortalecer os nosos discursos e prácticas para derrubar todo tipo de fronteiras e dar pasos para a construción de alianzas sólidas. Porque os feminismos teñen que ser transfronteirizos e anti-racistas ou non serán!

Impartido por Raias Traveseiras, espazo aberto, flexible e horizontal de denuncia das políticas capitalistas, migratorias e patriarcais e de construción colectiva de discursos e prácticas para acadar vidas que merezan a alegría vivir. Actúan en base a tres vectores: sensibilización e denuncia, formación e xeración de pensamento crítico, e impulso de iniciativas de transformación social. Na actualidade está integrado por Mari Fidalgo, Eva Gil e Leticia Castro.



3.- “AUTORAS DAS NOSAS IMAXES”. NATALIA GONZÁLEZ DEVESA.

Traballaremos en como construír a nosa identidade desde nós mesmas como mulleres na sociedade, combatendo as desigualdades de xénero desde a fotografía.


Coñeceremos:

• o traballo de mulleres fotógrafas ao longo da historia e na actualidade.

• analizarase a publicidade sexista de diferentes medios tanto locais como mundiais.

• traballarase sobre os estereotipos masculinos e femininos.

• uso do photoshop para perpetuar as desigualdades de xénero.



No hay comentarios:

Publicar un comentario